O pasado mes de setembro, Lugo e Santiago, e previamente outras vilas galegas, paralizáronse ante as xigantescas tratoradas que protagonizaron miles de produtores e produtoras en loita, no que foi un verán moi movido para o sector tras o fin das cotas lácteas. O seu obxectivo: non máis axudas, senon prezos dignos e compromiso político para asegurar a supervivencia do sector. A resposta da ministra Isabel García Tejerina: ningún compromiso e palabras bonitas que, meses máis tarde, demostrouse que estaban faltas de intencións. Tras o acordo entre Ministerio, industria e distribución, os prezos non subiron para as produtoras, pero si para o consumidor. Ante isto, os tratores volven á rúa cun calendario marcado pola Plataforma en Defensa do Sector Lácteo (onde están sindicatos agrarios e concellos) que augura un decembro “quente” en Galiza.
Que está ocorrendo realmente no sector lácteo? De onde ven o problema?
Como sinala Isabel Vilalba (Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego), movémonos “nun contexto que ven dunha política agraria europea que está orientada a ter un produto barato para que a industria teña este produto tanto para o mercado interno, como para a exportación. En Europa expórtase só o 7%. Para ter esa maior presenza que queren ter nos mercados internacionais, as grandes industrias europeas queren unha mercadoría moi barata para competir nos mercados mundiais”. Como se traduce isto para as granxas? “En primeiro lugar, representa unha dinámica na que se fomentan as grandes granxas de tipo industrial con miles de animais e con esa expectativa de ter un produto barato. Eso significa unha substitución de miles de granxas pequenas e doutro tipo de modelos. En 1996, hai menos de 20 anos, había 65.900 granxas; este ano en setembro, quedaban 9.200). Por este camiño, perdimos uns 55.800 proxectos asentados no territorio que tiñan empregos detrás, cun tecido arredor social e económico”.
Ante este panorama desolador, destaca a desidia e a nefasta política do Goberno central e da Xunta, que lonxe de dar respostas e garantías ao sector, incide no problema que afoga aos e ás produtoras. En que consiste? “Primeiro, en plegarse totalmente a esas políticas neoliberais. E segundo, en desarticular a política pública que podería ter outras premisas e basearse no obxectivo de ter un produto saudable, fomentar o emprego, manter a paisaje e manter o medio rural vivo…”, apunta Isabel Vilalba.
David Arnoso, un gandeiro de San Sadurniño (A Coruña), comenta que “en setembro no acordo a distribución quedou en subir o leite de 4 a 6 céntimos [por litro] para que repercutise nos gandeiros, pero non nos chegou nada. Despois falouse dun tema de axudas duns 300€ por vaca, cando a maioría non vai cobrar nada, outros van a cobrar un 75% deses 300€ e outros 110€, en realidade o 75% deses 110€ (84 euros), como no meu caso. É dicir, as axudas non son como as venden e ainda que así fose tampouco nos sirve para nada, o que reclamamos é un prezo para o leite digno, para cubrir os custos e vivir do noso traballo e non das axudas”.
Que esixen os e as produtoras ao Goberno e á industria?
Prezos dignos. Alo menos 0,34 euros por litro producido, que é o prezo co que cubrirían todos os costes de produción e non subiría o prezo para o consumidor, reducindo a marxe de ganancia dos intermediarios, que son claramente os que maior beneficio sacan aos prezos que nos cobran aos consumidores e que afogan á parte produtora.
Contrato único e sen condicións abusivas, que garanta a recollida, un prezo digno e rache xa coa superioridade de negociación da industria, que lle outorga practicamente todo o poder de decisión. Que a parte produtora teña garantías de futuro do seu medio de vida e non se vexa na obriga de vender o leite a prezos de miseria para non perder ainda máis cartos.
Que o Goberno se comprometa a velar polo cumprimento disto e aporte medidas que o regulen. Que deixe de posicionarse coas grandes empresas e vele tamén polos produtores e produtoras e a supervivencia do sector en Galiza, do que dependen miles de familias no rural.
Por que se mobiliza máis o sector en Galiza que noutras partes do Estado?
Porque é a maior produtora de leite do Estado español. Galiza ten o 38,1% da produción de leite de todo o Estado, polo que as empresas aproveitan para facer caixa especialmente. Ameazan ás explotacións con no recoller o seu leite fomentando á súa vez o incremento de recollida noutros sitios a un prezo máis alto. Deste modo ante esta chantaxe, os e as produtoras galegas rematan vendendo o seu leite a prezos máis baixos por non ter outra alternativa e non rematar tirándoa.
Por que non hai prezos dignos e xustos?
Os productores e sindicatos agrarios coinciden á hora de sinalar como culpables, por un lado, ás industrias do sector e a distribución e os seus abusos, e por outro lado, a uns gobernos que, como sinalábamos, pléganse aos intereses dos anteriores.
O Sindicato Labrego Galego (SLG) e COAG, non asinaron o acordo coa ministra Tejerina e os respresentantes da industria e distribución en setembro, pois para elas supoñía un engano máis e unha estratexia para desmobilizar e dividir ao sector en loita. “Presentaron que ía haber unha cadea de valor sostible, pero en realidade non hai ningunha garantía no prezo nin posibilidade de que se remuneren os costes que ten producir e que esas persoas poidan vivir dignamente”.
Isabel Vilalba denuncia o engano ás gandeiras: “nun momento dado dixéronnos que cando tivesemos contratos, xa se solucionaba o problema. Contrato sen prezo, xa sabemos o que é, impostas as condicións totalmente pola industria. Dinnos, para responsabilizarnos, organícense ustedes. Pero por moito que nos organicemos, imaxinémonos que un grupo de gandeiros de Lugo ou da Coruña vaiamos negociar con Lactalis, cunha gran multinacional que opera con miles de granxas a nivel europeo. De que maneira podemos nós condicionalo? En absoluto, nós temos un produto perecedoiro, e eles incluso teñen un acordo de que outra empresa non te vai recoller o leite. Entón, que capacidade de negociación temos?”.
Os consumidores, que durante as mobilizaciones de setembro supuxeron un gran apoio ao sector, aceptaron con normalidade unha suba do prezo do leite se iso supuña a supervivencia dun sector que é chave en Galiza. Pero aonde vai parar esa suba? “Subiron ese prezo de entre 4 e 6 céntimos nas «marcas brancas» de leite, pero iso non chegou aos gandeiros, seguimos nos mesmos prezos de 24 a 27 céntimos. Agora queremos dicir á xente que nin cobramos subvencións nin que as cousas son como nos dixeron”, di David, “moitas explotacións agora están ata arriba de todo, porque é moi difícil chegar a fin de mes e ademáis perdendo cartos esperando o prezo do leite”.
Aféctanos ás consumidoras e consumidores?
Por suposto. O problema do sector lácteo en Galiza non só é un problema para as produtoras e produtores, tamén o é para as miles de familias que viven directamente do leite, para o medio rural galego e para os nosos intereses como consumidores/as. Se afunde o sector, miles de proxectos que fixan poboación ao rural máis se perderán.
E hai outro problema de raíz que é, como sinala Isabel Vilalba, o modelo de produción que intentan impoñer e que buscan as grandes multinacionais e os gobernos que actúan baixo os seus intereses: “non ten nada que ver que o alimento das vacas se faga en base aos pastos, a que se faga todo en base a mesturas con melazas que veñen de restos de fábricas que utilizan a remolacha para outros usos o de sementes de algodón que viaxan en grandes contenedores e incluso teñen fermentacións nos transportes, de soia transxénica, produtos industriais que levan moitas mans de sulfato no seu cultivo… Todo eso parte do sistema alimentario que queren crear. E ao final é un fin de acaparamento por parte das grandes empresas e do capital, tanto na industrialización, como na parte da comercialización, como pola parte de todo o que se lles vende ás propias granxas [pensos, maquinaria, etc.]”.
A nosa saúde está cada vez máis en mans destas grandes multinacionais da alimentación. Ademáis de defender o sector contra os seus abusos, non sería o momento de decidir tamén que modelo de produción e que alimentación queremos?
Que podemos facer?
Como consumidores/as, o feito de dar a coñecer todo isto no noso círculo de amigas, coñecidos, familiares, etc. é un gran paso. Pero ademáis, saber que consumimos é esencial.
Para apoiar ao sector en loita, ademáis, podemos recurrir a varias estratexias. Unha delas, explícanos David Arnoso, é “consumir leite pasteurizado, xa que é a única que non pode chegar doutros países, como por exemplo de Francia, que ven en polvo e aquí a transforman. Se é leite pasteurizado, ten que ser leite fresco do día”.
E seguir na rúa apoiando aos gandeiros e gandeiras que xa están ocupando centros comerciais nas nosas cidades, como A Coruña e Lugo, doando ademáis o leite dos supermercados e grandes superficies a bancos de alimentos. Sumándonos ás súas mobilizacións, a presión será maior.
“A necesidade de estar na rúa é vital, seguimos co mesmo problema que antes do verán. Estamos nun tempo de desconto e moitas familias cada mes non é que non teñan nin ingresos para vivir a familia, senón que ás veces non lles chega para pagar os gastos da granxa. Para nós non é unha empresa ao uso, non é unha S.L. Se a xente perde o seu medio de vida e ten un préstamo vinculado á propia vivenda, pode perdelo todo. Estamos nun tempo de desconto”, conclúe Isabel Vilalba.