Hoxe, 25 de xullo, sendo o día da Patria, desde a Xuventude Comunista queremos situar enriba da mesa o papel que xoga Galiza no conxunto do Estado e o fundamental da explotación da nosa terra, os nosos recursos e o noso proletariado para maximizar a taxa de ganancia do capital.
As galegas formamos parte dunha nación periférica (falando á nivel económico) que a súa vez forma parte dun Estado que ten unha clara tendencia dentro da división internacional do traballo a transformarse nun Estado de servizos. Dentro deste contexto, Galiza susténtase sobre tres eixos: Asume unha boa parte do traballo agro-forestal, da industria de baixo valor engadido e da produción enerxética do estatal. Sumado a isto, desde os anos 1990-2000 en Galiza vimos sufrindo a chamada “reconversión industrial”, que non foi máis que unha reordenación do tecido produtivo no país onde o gran capital deslocalizou a industria pesada a zonas cunha man de obra máis barata, sendo capaces desta maneira de revalorizarse e deixando a unha boa parte do proletariado fabril galego excluído do mercado de traballo, coas nefastas consecuencias que isto tivo para zonas como Ferrol ou a Mariña Lucense. A todo este contexto, súmase que Galiza é un dos territorios cos recursos naturais máis explotados de todo o Estado. Unha boa parte da produción enerxética e dos recursos derivados do agro-forestal que se consumen dentro do Estado son xerados en Galiza, xa que o gran capital aproveita a natureza e o monte galego co obxectivo de seguir amasando e amasando, mentres o noso territorio morre pouco a pouco e condénannos a unha vida dependente do capital estranxeiro ou estatal para poder seguir vivindo. De todo este contexto o que podemos analizar é que o proletariado galego sempre foi explotado e masacrado en función das necesidades da división do traballo internacional. A nosa clase traballadora, froito dun desenvolvemento desigual histórico do capitalismo no Estado español, foi marxinal e poucas veces tivo a capacidade de auto-afirmarse como tal co obxectivo de pelexar pola súa emancipación, máis alá de loitas urxentes e concretas.
No momento actual, observamos como a conxuntura impón unha situación moi desfavorable para a xuventude galega. O ataque aos nosos salarios, a situación actual do custo da vivenda, o nivel de vida… En definitiva, a xestión socialdemócrata do capital a nivel estatal e a ofensiva capitalista, fan que cada vez a mocidade galega teñamos a necesidade de situarnos progresivamente máis lonxe de lexitimación do Estado, temos que rachar co compromiso con este que tiñan as xeracións anteriores e reivindicar unha política independente do proletariado galego. A xuventude galega é unha xuventude completamente desposuída, e temos que rachar con aquelas posturas que defenden que só existimos para maximizar os beneficios capitalistas, nacionais ou estatais.
Xunto a todo isto, é importante sinalar a opresión cultural que sofre o noso país a todos os niveis, sendo un dos principais eixos o idiomático. Máis alá de cuestións históricas amplamente coñecidas, constatamos actualmente unha situación de diglosia que se ven observando tanto de forma numérica coma expresada nos prexuízos que recaen sobre a nosa lingua e que fai que siga a perder falantes, especialmente entre a mocidade e sobre todo en núcleos urbanos, tal e como vén afirmando dende hai anos o Instituto Galego de Estatística. Ademais, a Real Academia Galega apunta á escola como principal axente desgaleguizador, facendo que as nenas galegofalantes deixen de empregalo cando a comezan.
É por todo isto que desde a Xuventude Comunista queremos reivindicar o dereito de autodeterminación de Galiza e a necesidade de que a clase traballadora poda liberarse das cadeas, económicas e culturais, que lle impón o capitalismo. Esta defensa do dereito de autodeterminación non se fai de forma baleira e aséptica partindo dunha concepción pequeno burguesa da identidade nacional. É unha defensa da emancipación do proletariado galego, no contexto dun Estado que ten á unidade territorial e a represión das nacións inscritas nel como pata fundamental do seu sustento. Máis alá de discursos nacionalistas que reivindican unha “xestión galega do capital”, replicando o ataque da socialdemocracia española ao proletariado baixo unha nova etiqueta, dende a Xuventude Comunista cremos que a transformación en clase para si, no contexto galego, ten que vir da man da loita pola defensa da cultura galega e pola reivindicación do noso carácter nacional, como condición indispensable para atacar unha das patas fundamentais do Estado burgués.