Un ano máis atopámonos ante un 25 de xullo que o pobo galego segue sen poder celebrar. A emigración, a precariedade e o paro, os ataques á nosa lingua e a imposición dun réxime monárquico corrupto e opresivo fan que no día nacional de Galiza o pobo galego non poida mirar para o futuro seguro de si mesmo e da súa terra, seguro do que este futuro lle depara.
Toda o pobo, pero especialmente a xuventude da clase traballadora ve que hoxe máis que nunca é necesario un cambio radical, que dea un xiro de 180 graos a esta situación que xa se vén demostrando totalmente insostible. Un cambio que pase por devolver o poder a quen lle pertence, ao pobo traballador; pois ninguén dubida xa que hoxe o poder está en mans dos grandes empresarios e banqueiros e dos políticos que actúan como os seus fieis servidores e que ata que esta situación se revirta, non poderá haber verdadeira liberdade e igualdade.
Por iso, dende a Xuventude Comunista, aproveitamos a data do día nacional de Galiza para reivindicar a necesidade dese cambio, cuxo primeiro achegamento nos foi negado co pacto sucesorio entre os dous grandes partidos do réxime, PP e PSOE, fechándolle a boca a un pobo que pedía decidir, non só sobre o seu xefe de Estado, senón sobre todo o referente a este Estado español que non satisfai nin atende á vontade do pobo nin dos pobos. Mais seguimos a entoar berros de cambio, seguimos nas rúas para facer valer a xustiza que nos foi secuestrada e crearmos un xogo no que sexamos nós, o pobo, os que poñamos as regras sobre o taboleiro: regras de igualdade e liberdade. De liberdades e igualdes sociais, pero tamén culturais e nacionais; pois unhas non se poden dar sen as outras. Esiximos, pois, non só un Estado no que pan, o traballo e o teito estean garantizados; senón no que tamén a lingua e cultura galegas sexan un dereito, un deber e unha honra para toda galega ou galego, facéndoas florecer de novo por infindas primaveras máis. E máis aló; un Estado que garanta a potestade dos pobos que o integran a dispor do seu futuro como estes conveñan exercendo democraticamente o seu dereito á autodeterminación para que sexa a verdadeira solidariedade a que cimente os alicerces do progreso do pobo traballador.
Pola solidariedade e aliberdade dos pobos!
Pola 3ª república federal e os dereitos nacionais!