A partir da decisión da Audiencia Nacional de denegar a prórroga da actividade da fábrica de celulosa en Lourizán, decenas de familias atópanse nunha situación de incertidume vital ao perder o centro de traballo, o que suporá eliminar a fonte do seu sustento.
A situación da fábrica sempre foi polémica debido a característica de ser unha factoría que necesita localizarse nun espazo adxacente cun aporte de auga doce continua e suficiente para poder facer os vertidos dos seus efluentes, cunha proximidade a un porto e a unhas grandes masas forestais para aforrar en transporte. Isto resultou no asentamento da fábrica no fondo da ría de Pontevedra, onde se dan as circunstancias necesarias como a proximidade do río Lérez coa ría, o porto de Marín a escasa distancia e as masas forestais cercanas.
Así, esta actividade industrial xera subproductos contaminantes en forma de vertidos tanto atmosféricos como mariños. Se ben a optimización tecnolóxica foi reducindo o impacto da planta sobre o entorno, este non é cero, sendo prexudicial para os ecosistemas da ría no seu conxunto. A localización está, ademais, inmersa nunha zona de grande concentración de poboación, entre os concellos de Pontevedra e Marín e no máis fondo dunha ría cun intensivo uso marisqueiro e pesqueiro. É por tanto certo a existencia dun dobre conflito tanto co medio como coas actividades humanas. É por tanto razoable buscar alternativas da súa localización.
O que non é de recibo é o peche da actividade. En Galiza, en España e en Europa consumimos pasta de papel. É obvio, pero semella polos discursos de certos axentes políticos que a pasta de papel é algo imposto que non se consume no país. Por tanto, pensar no peche só pode atribuírse a dúas formas de pensar: ou quérese abolir o uso de pasta de papel nas nosas actividades cotiás, ou o que non se quere é asumir as consecuencias derivadas da fabricación da pasta de papel, procurando que sexan asumidas por terceiros, o que tradicionalmente tense chamado fenómeno NIMBY (non no meu xardín coas siglas en inglés). É dicir, a deslocalización da industria a outras rexións.
Esta última cuestión, a cal evidentemente é o caso dos axentes políticos que defenderon durante anos o peche, non é trivial e afecta aos intereses do noso pobo en varias dimensións. A primeira e máis obvia é a perda de emprego potencialmente de calidade para as familias traballadoras da planta de celulosa. A segunda, outro paso máis na perda da escasa soberanía industrial e tecnolóxica no país e no conxunto do estado. E a terceira e a máis paradóxica, o risco de que o impacto medioambiental global sexa maior.
E como un impacto maior? O tratarse dunha empresa privada, unha multinacional privatizada en dúas fases, primeiro polo goberno de Felipe González e despois de Aznar, tratará de maximizar os seus beneficios. A tendencia nos procesos de deslocalización son amplamente coñecidos: as empresas procuran lugares para reubicarse onde poidan ou ben extraer unha maior plusvalía aos traballadores, ben ter mellores condicións fiscais, ou ben ter menos restricións legais, e normalmente que se dean as tres xuntas. Dentro dunha mellor esixencia legal obviamente atopámonos coas grandes diferencias nos estándares de esixencia medioambientais que pode haber entre a lexislación que aplica en territorio galego coa doutros países actualmente receptores de industria deslocalizada. Ademais, existe o risco de que se produza, debido á cada vez maior capacidade loxística, un aumento da pegada ecolóxica derivada dunha maior necesidade de transporte de materias primas e mercancías entre a suposta nova planta de celulosa e onde se comercialice. Estamos a falar dun claro caso do que algunhas autoras veñen a denominar como imperialismo ecolóxico.
En resumidas contas, a extracción de ganancias das multinacionais a costa dunha maior degradación ambiental das rexións subalternas aos polos imperialistas. De feito a propia ENCE ten experiencia neste proceso, xa que xa tratou a principios de século abrir plantas tanto en Uruguai como en Arxentina.
É por tanto abraiante como forzas políticas que se denominan de esquerdas (algunhas ata se denominan soberanistas) e mesmo ecoloxistas, poidan comprar tan abertamente o discurso do peche. Entendendo as reclamacións que algunhas das organizacións ecoloxistas poñen sobre a mesa, tamén mantemos que se ben o peche en Lourizán repercutiría positivamente aos ecosistemas da ría, a alternativa pode ser globalmente peor.
Pero é indignante a criminalización que ditas forzas políticas fan da loita obreira. A defensa da loita dunhas traballadoras que quedan sen o seu sustento evidentemente ten que ser a sen paliativos. E é por iso que mostramos o noso apoio ás traballadoras de ENCE ante o drama da posible perda de postos de traballo e ante o ataque dunha esquerda neoliberal, incómoda e enfrontada coa loita de clases.
Nós apostamos pola renacionalización de ENCE, que garanta por un lado os postos de traballo e por outro os intereses medioambientais e soberanos do país. Tomarse en serio a procura de mellores localizacións no territorio e, de non ser posibles, dotar continuamente da mellor tecnoloxía dispoñible á planta de Lourizán. Ademais de non supeditar toda a xestión forestal do noso territorio aos intereses de ENCE.
Que viva a loita das traballadoras de ENCE!