O pasado 20 de febreiro tivo lugar unha manifestación estudantil en Vigo contra a reforma que pretende facer o goberno do Partido Popular (coñecida co nome de LOMCE). Esta reforma ten uns evidentes intereses clasistas e de elitización da educación, para que as capas populares sirvan como man de obra barata e sen cualificar.
Á hora de ler o manifesto, a policía increpou a un grupo de manifestantes que responderon enfrontándose a eles con pedras. Os corpos de represión do Estado cargaron de maneira indiscriminada contra todas e todos os manifestantes, unhas cargas que se saldaron con 75 identificadas e un detido.
Dende a Xuventude Comunista queremos mostrar o noso apoio ás persoas detidas e identificadas, e comunicarlle a toda a poboación que non teña medo de ir ás manifestacións, xa que a loita é o único camiño para defender os nosos dereitos. Estes acontecementos non son máis que o intento por parte das autoridades de reprimir e criminalizar a protesta social, que nunca foi tan necesaria como agora.