Fai dúas semanas subíamos á nosa páxina un artigo sobre a situación da loita dos e das traballadoras da planta coruñesa de Alcoa. Hoxe completamos esta información coa entrevista que lle fixemos a Luis, traballador da fábrica de aluminio, que nos ofrece o seu punto de vista sobre as mobilizacións contra o desmantelamento da planta e a importancia da unidade de toda a plantilla, así coma dos sindicatos que os representan.
Esta entrevista non é só importante pola crónica que nos ofrece de todo o proceso da defensa dunha cidade polo futuro laboral para a comarca, senón polo exemplo que é para a clase obreira a longa batalla que están a librar.
Existe tradición de loita sindical na planta da Coruña? Como puido axudar isto á mobilización desenvolvida a final de ano e á tensión que manteredes durante o 2015?
Si que existe tradición. Dende hai anos, o Comité de Empresa da Fábrica de Aluminios da Coruña tivo a forza suficiente para defender os dereitos e intereses dos traballadores e traballadoras da Planta. Nos momentos realmente duros, como pode ser a noticia do peche, soubemos trasladar a nosa preocupación á plantilla que se involucrou connosco dunha maneira sobresaínte e conseguimos facer un calendario de mobilizacións que, xunto cunha asistencia masiva a cada acto organizado, deron como resultado o coñecemento do noso problema na sociedade local, autonómica e estatal para tentar entre todos reverter unha situación bastante desfavorable e pelexar por non vernos envoltos outra vez en algo parecido.
Como organizades o traballo sindical na vosa sección? Como se acadou a unidade existente entre as diferentes centrais sindicais? E a cohesión coa cidade?
Nesta situación recoñécense dous campos de actuación: por un lado, están as negociacións ca Empresa e o traballo, por así decilo, de despachos. Reunións con Dirección, consultas nas asesorías xurídicas, redacción de denuncias e alegacións, xuntanzas con responsables políticos…
Por outra banda, o traballo de rúa, como son as mobilizacións, concentracións na portería de Fábrica, colocación de carteis e o contacto directo co resto de traballadores.
Soupemos organizar o traballo para que cada un dos campos estivera cuberto e cando unha representación da sección sindical estaba en Madrid en reunións ca Dirección de Alcoa ou noutros foros, a outra parte se mantiña na portería nas quendas de bloqueo de saída de material ou organizando outros temas.
A unidade entre as distintas centrais sindicais se acadou da maneira máis sinxela e lóxica. Ante un peche, estamos todos afectados, sexan cales sexan as cores. Debemos remar todos na mesma dirección e buscar na plantilla a unidade que dá forza ó Comité. Si Alcoa ve que non estamos divididos, téñeno máis dificil para vencernos. De feito, unha das bazas da Dirección foi tentar romper esa unidade.
A Coruña é unha cidade relativamente pequena. A Fabrica leva cerca de 60 anos instalada e, quen non ten un familiar traballando alí coñece a alguén. E unha das potencias industriais da cidade e a maioría dos cidadáns son conscientes do que move esta Planta. Xa non só os empregos directos, senón os indirectos e industia auxiliar. Algo tan importante e de tanta tradición non se pode deixar caer.
Como foi a resposta de Alcoa á tensión acadada pola loita sindical? En que medida esta loita foi vital para o mantemento da planta ao menos este ano?
A actuación de Alcoa connosco foi a de ternos de soldados. Mentres eles tiñan unha batalla co Goberno pola regulación enerxética, nos faciámoslle o traballo sucio de saír nos medios, chamar a atención, involucrar á sociedade, dar a coñecer o noso problema e presionar ó Goberno. Incluso chegamos a “forzar” unha pequena reunión co Presidente Feijoo para que intercedera ante o Ministerio de Industria na busca dunha solución.
Grazas a que desde os Comités da Coruña e Avilés, co apoio total de ambas plantillas se loitou ata o infinito se conseguiu forzar unha segunda poxa na que sairían os bloques de interrumpibilidade necesarios para este ano. Agora toca loitar para non vernos outra vez a finais deste 2015 co mesmo problema. Temos que darlle a volta á poxa. Non nos vale tal e como está plantexada.
Existe algún tipo de compromiso de Alcoa co cadro de persoal ou prevedes que a presión por desmantelar a fábrica se manteña?
Compromiso ningún. De feito, cada día saen pola portería compañeiros xubilados e esas prazas non se repoñen. Dende hai tres anos, a plantilla mermouse en algo máis de 100 persoas. Isto conleva a ter que facer unha persoa sola tarefas nas que antes había tres, co correspondente risco na seguridade e na calidade do produto. Se ademais, unimos as cero inversións, quédanos que a día de hoxe as instalacións e máquinas están tendo un mantemento mínimo imprescindible, e hai que pensar que falamos dunha factoría de case 60 anos. Non vemos interese ningún en querer investir un só euro, ou dólar, que son americanos, en que isto siga adiante. Hai que pensar tamén que o noso produto é dos máis demandados polos clientes e dende sempre, o aluminio da Coruña tivo uns estándares de calidade moi altos. Non somos unha fábrica pouco rendible nin de pouca calidade. O noso problema é o custo de enerxía.
Como afrontades as eleccións sindicais do 27 de febreiro na sección?
Coma sempre, con ilusión e con responsabilidade. É hora de que os compañeiros e compañeiras da fábrica xulguen o traballo desenrolado pola nosa sección sindical nestes catro anos. Esperamos que recoñezan nas urnas a loita continua que levamos a cabo nesta etapa para salvar a fábrica do peche, pois non foron poucas as ameazas e saímos adiante.
Actualmente temos a maioría absoluta do comité de empresa con nove delegados de 17. O próximo 27 de febreiro baixamos o número de membros do comité de empresa a 13, e esperamos que os compañeiros e compañeiras recoñezan o noso traballo e aposten por nós para afrontar os retos que nos esperan no futuro. Oxalá sexamos capaces de renovar a maioría absoluta conseguindo 7 delegados para comandar o comité de empresa nos próximos catro anos.
Que trasladaríades á mocidade non organizada, precaria, temporal… que está a sufrir os golpes máis duros do capitalismo?
Que loite. Da maneira que se precise en cada momento. Que pense que tódolos dereitos acadados ata hai uns anos non saíron da boa vontade dos empregadores. Houbo xente que incluso deu a vida e a liberdade por loitar para que nos tiveramos unhas condicións de traballo e remuneracións dignas. Estes últimos gobernos favoreceron á patronal para reducir ou simplemente anular dereitos ós traballadores. As últimas reformas laborais deixaron en bandexa que nos poidan despedir sen máis, argumentando ou, mellor dito, citando, condicións como que simplemente non gañar o que eles querían lles daba pe a poñer un ERE.
Que pensen nos seus pais e avós e lles pregunten cómo se conseguiron os dereitos laborais agora desaparecidos.
Xa sei que as condicións persoais de cada un son as que son, pero aceptando traballos de 12 horas cobrando 4, é darlle forza a uns impresentables que se cren donos da vida dos traballadores. Non se pode aceptar este tipo de situacións.
Animo a toda a xente a que loite, non se humille, que fagan como os seus avós, e que acuda a sindicatos, grupos políticos afíns, etc, que lles dean forza para que leven os nosos problemas a donde realmente se amañan e loiten para conseguir que tanto nós como os nosos fillos non vivan escravizados nin se vexan obrigados a emigrar.