“Alcoa é unha sociedade de inversión, non traballa no aluminio por amor ao aluminio”; a poucos minutos de comezar a súa mobilización mensual dende que a finais do ano pasado a empresa ameazase con pechar a planta da Coruña, Luis, traballador de Alcoa, resume nestas palabras o que o comunista norteamericano Victor Perlo escribira nos anos 50 sobre a familia dona de Aluminium of America Co., Alcoa: “os Mellon nunca foron enxeñeiros, nin químicos, nin inventores, nin sequera construtores. Eran homes de negocios”.
Esta constatación do dominio do capital financeiro que xa se daba hai medio século mantense no capitalismo do século XXI, no que o antigo Mellon National Bank & Trust que “xogaba á ruleta” do aluminio con Alcoa é agora o BNY Mellon. Dentro deste conglomerado financeiro Klaus Kleinfield, asiduo ás reunións do grupo Bildelberg e a Trilateral, pasaba de Siemens a Alcoa como director executivo despois de ter que abandonar a empresa alemá vencellada ao nazismo, desembolsando cantidades millonarias para tapar o seu vínculo cun caso de corrupción. “En Italia Alcoa pecha despois de que se descubra unha trama de favores do goberno de Berlusconi, e en Arabia Saudita a corrupción tamén existe”, engade Luis. Ademais, comenta con ironía a contradición de que a empresa entregue ás persoas contratadas códigos éticos sobre qué facer se che ofrecen regalos, pero despois estea perseguida pola estela da corrupción.
A empresa norteamericana chegaba ao Estado español da man das privatizacións do goberno de Aznar en 1997. INESPAL pasaba a mans privadas no que o director do SEPI por aquel momento recoñecía coma unha operación deficitaria para o Estado. Grazas á desindustrialización, Alcoa entraba no mercado europeo do aluminio, que representa un 30% do mundial, no que xa eran a primeira empresa. As reclamacións dos elevados custos salariais xa se producían aos poucos anos da privatización, ao considerar que o convenio colectivo conquistado polas e polos traballadores dificultaba a rendibilidade da empresa. Luis déixanos ás claras onde está o negocio: o acordo de venda incluía unha cláusula pola que o Estado se comprometía a reducir o prezo da operación de forma proporcional ao aumento do prezo da enerxía. Nun sector no que o 40% das costas son eléctricas, isto implicou unha entrega gratuíta ou incluso con indemnización á empresa norteamericana. O carácter parasitario do capital financeiro amosábase na súa máxima expresión, mentres a modernización do capital era moderada e os e as traballadoras comezaban a ver o precipicio.
O último decembro os pés pararon en seco ao borde dese precipicio. O cambio no modelo tarifario dos custos eléctricos para as grandes consumidoras convulsionaba o futuro da planta e a empresa anunciaba o peche da mesma, co despedimento de todo o cadro de persoal, se na segunda poxa non se acadaban uns resultados que asegurasen a rendibilidade. Luis é consciente que cun modelo no que se acode á poxa cada ano, os propietarios non realizarán grandes inversións na fábrica, e esta irá quedando obsoleta. A reclamación dos sindicatos é como mínimo volver ao sistema de bonificacións. O modelo de poxa inclúe outro risco: unha oferta inferior á demanda para asegurar prezos competitivos implica que a demandante que queda fora pechará a fábrica. Luis avisa do desmantelamento da pouca industria que queda se as dinámicas non se reverten: “é como o xogo das cadeiras, e en cinco anos acabará todo pechado”.
Ante esta situación, o Comité de empresa da planta coruñesa, así como a de Avilés, decidiron parar a fábrica e saír á rúa de forma unánime. O 12 de febreiro, co apoio masivo da clase obreira da cidade e as capas populares iniciaban unha folga de 24 horas que supuña un rotundo éxito, enchendo a cidade nunha mobilización que paralizou Coruña. A solidariedade de clase non se fixo esperar, e igual que se apoiaran as mobilizacións da planta Avilés, esta devolveu o favor, así como traballadores e traballadoras de Navantia, San Cibrao… As mobilizacións continuaban cunha marcha dende a fábrica, no polígono da Grela, até Red Eléctrica Española, que cruzou a cidade e acadou outro éxito de apoio popular. Esta mobilización pretendía sinalar ás culpables da situación actual: unha REE ao servizo das grandes eléctricas, abocaba ao paro e á miseria a centos de familias coruñesas. Baixo a consigna clara de “peche non, enerxía solución” a mobilización sinalaba ao Ministro Soria como un dos culpables, e apuntaba á connivencia entre os monopolios da electricidade e o goberno do PP, simbolizado nas tristemente famosas “portas xiratorias”, polas que políticos do PP e do PSOE (Aznar, González, Solbes, Acebes…) reciben das empresas a contraprestación polos seus favores dende o goberno.
O 23 de decembro, trala celebración da segunda poxa, Alcoa anunciaba que retiraba a ameaza de peche, mais os e as traballadoras de Alcoa non se daban por satisfeitas. A presidenta de Alcoa España sostiña a ameaza debido a unha “estrutura de custos” que dificultaba a súa rendibilidade. Conscientes de que de non cambiar o sistema de poxa o seu futuro será incerto ano tras ano, o Comité de empresa decide manter a tensión. O cadro de persoal quería devolver o apoio á cidade da Coruña e, durante o nadal, desenvolveu a campaña “Ningún neno sen xoguete”, no que se doaron máis de 1.000 € en agasallos para os nenos das familias golpeadas pola crise.
A mobilización continúa durante o 2015, e en xaneiro desenvolvese unha concentración diante da Delegación do goberno cunha reivindicación clara: pola declaración da electricidade como ben de primeira necesidade, que asegure o futuro da industria como motor do país e a cobertura a todas as familias. Así, Alcoa vincula o seu problema á tristemente coñecida “pobreza enerxética”, e chama a loitar unidas ás familias e industrias contra os monopolios financeiros que machucan a ambas para amasar fortunas. Luis recoñece que a privatización desenvolvida durante os 90 primou o rendemento económico ao servizo, e aqueles ataques ao sector público son o xermolo da inestabilidade que hoxe están a sofrer Alcoa e as familias. Por iso, recoñece que a solución está no cambio do modelo enerxético, e a incerteza só pode salvarse a través da nacionalización. Luis avisa: os e as traballadoras de Alcoa seguirán mobilizándose todos os meses; a vitoria deste decembro non é máis que unha tregua até dentro dun ano, e é fundamental deixar patente que o problema segue enriba da mesa.
Aproveitamos a xornada de mobilización para entrevistar a Luis sobre a actividade sindical desenvolvida en Alcoa, sobre como acadaron a unidade para enfrontar a ameaza do peche, e a súa opinión sobre a necesidade da organización nos centros de traballo e as perspectivas da mocidade obreira, que publicaremos en vindeiros días.