A convocatoria da Folga Estudantil do 26 de febreiro marcou, sen dúbida, un punto de inflexión nas dinámicas do movemento do noso país. Por primeira vez en moitos anos, as estudantes logramos sacar adiante unha mobilización en chave de máxima amplitude e unidade. Independentemente do que pase o 26 podemos falar xa de que acadamos unha pequena vitoria. Porén hai moitas preguntas que rondan a nosa cabeza sen parar: Como fomos quen de chegar ata aquí? Existen as condicións para prolongar esta unidade no tempo? De existiren, que ferramentas temos á nosa disposición para acadar este gran obxectivo?
O proceso mobilizador da LOMCE supuxo un forte desgaste para o conxunto do movemento estudantil sen recompensa. Ao comezo da loita contra esta reforma encontrábanos unha composición dos axentes estudantís fortemente desdibuxada, esta situación non fixo máis que agudizarse producindo unha maior fragmentación do movemento no periodo. A inmadurez impúxose á necesidade de dar unha batalla a altura do momento histórico.
A cuestión da unidade estudantil ten sido debatida en prácticamente todas as organizacións e asembleas do noso movemento dende a Transición. Dende ERGA ata os nosos días, a unidade ten sido amplamente teorizada. Sen embargo, son poucas as experiencias de organización e mobilización capaces de engarzar a todo o tecido estudantil galego. Se estamos ante unha cuestión clave á hora de dar a batalla polo ensino que queremos, porque tanta dificultade en nos poñer de acordo?
O certo é que se botamos unha ollada os documentos publicados polas diferentes organizacións do noso movemento ata o de agora atopámonos con textos onde prima fondamente a análise política sobre a análise das problemáticas concretas que as estudantes enfrentamos cada día nos nosos centros de estudo. Se ben as asembleas contan cunha menor cerrazón política que a meirande parte das organizacións, ademais de adolecer de dificultades básicas para soportar periodos de refluxo tampouco foi un movemento excesivamente centrado nas loitas cotiás. Sen embargo, dun tempo a esta parte -sobre todo despois do refluxo producido pola aprobación da LOMCE- obsérvase un maior interese por este tipo de cuestións.
O suxeito estudantil ten mudado enormemente durante o que levamos de século. As reformas impulsadas polo gran capital europeo e concretadas no Estado español polos partidos do Réxime. O empeoramento das nosas condicións materiais unido a cambios nos nosos ritmos de vida (asistencia obligatoria, xornadas máis definidas, etc.) está a nos impoñer rutinas propias do mundo laboral. A nula adaptación do movemento estudantil a esta realidade cambiante ten acarreado graves consecuencias.
Por unha banda, as nosas organizacións e asembleas -pese a seren os principais axentes mobilizadores da mocidade galega- non foron quen de gañar base social. Só chegamos a organizar ás estudantes máis politizadas deixando de lado a aquelas persoas conscientes de que a precariedade que sufren non é temporal a pesar de que non se plantexen a loita fora do sectorial. Por outra, o feito de estarmos máis centradas nos intereses partidistas que en resolver os problemas da xente ten dificultado enormemente o desenvolvemento de accións unitarias, en momentos nos que tivemos que dar grandes batallas.
É por isto que, nun momento no que toca estar á altura para respostar con contundencia ós novos ataques do Réxime, o traballo sindical aparece como unha posible solución ás eivas do movemento estudantil. Un movemento estudantil que, dende as diferentes maneiras de analizar realidad do país e sen caer en corporativismos, se centre no traballo sindical. Un movemento estudantil que plantexe batallas concretas a todos os niveis. En definitiva, un movemento estudantil con capacidade para mobilizar e organizar a cada vez máis persoas que terá moitas máis opcións de se manter cohesionado a medio e longo prazo. As dinámicas de traballo que vimos observando en amplos sectores do mesmo durante este curso non fan máis que confirmar esta tese.
O traballo a nivel de base de reivindicacións concretas abre ante nós outros moitos interrogantes e dificultades, mais tamén un sinfín de posibilidades para o avance. Debemos, en primeiro lugar, lograr ser máis propositivas á hora de plantexar a nosas reivindicacións. Non basta co «Non a esta ou a estoutra medida». Se queremos gañar en madurez e en lexitimidade perante a sociedade cómpre traballarmos reivindicacións en positivo e conquistables por calquera medio de loita. Ademais, se queremos que o traballo sindical poida desenvolverse máis alá dos problemas dos nosos centros de estudo, precisamos sintetizar todas as loitas e ordealas por orde de prioridade. Construír, en definitiva, unha sorte de folla de ruta para o movemento estudantil.
Semellante folla de ruta, sen dúbida deberá ser froito dun amplísimo debate entre todos os axentes estudantís. Do traballo de base é de onde nace, e na base é onde se debe dar a súa discusión. Seríamos inocentes se pensásemos que estamos ante un proceso sinxelo. Mais tamén seríamos certamente miopes se non fósemos quen de nos decatar de que con estes puntos comúns estaríamos en disposición de dotar á nosa unidade de contido real, o cal faría máis doado o seu fortalecemento máis alá dos intereses tácticos.
O Réxime herdeiro do franquismo esmorece mais non por iso deixa de nos atacar. Non é momento de ficar paradas, é tempo de asumir responsabilidades, de organizar a resposta do xeito máis efectivo posible ainda que isto supoña caer en contradicións. Toca mobilizar e organizar ás nosas compañeiras de gañar as facultades e os institutos.
É hora de pasar á ofensiva, é hora de facelo xuntas.