Durante a mañá de hoxe celebrouse nos xulgados de Ourense un xuízo a sete estudantes da cidade por participar en mobilizacións estudantís o 11 de outubro de 2012. A violencia represiva vivida ese día foi o cumio dunha xeira de violencia policial dirixida a amedrentar un movemento estudantil en auxe, no marco das loitas contra a LOMCE e a precarización do ensino. Na comarca ourensá a toma de conciencia polo estudantado supuxo o fortalecemento dos aparatos de represión do Estado. De novo, os recortes en dereitos tiveron que vir acompañados da violencia contra resistencia dos e das fillas a clase obreira e as capas populares.
Dende as aulas de Ourense a organización do estudantado combatía cada un dos recortes que recibía por parte do Estado: protestou pola visita de Rajoy, reclamou unha biblioteca 24h en período de exames, sumouse a unha folga histórica do conxunto da comunidade educativa… E por cada paso na organización e toma de conciencia do estudantado a policía golpeaba con maior contundencia: acoso ininterrumpido ás estudantes, persecución digna da Brigada Político-Social franquista ás activistas e incluso a solicitude por parte do SUP dunha unidade específica na cidade.
A digna loita do estudantado por unha educación que asegure un futuro digno, e a súa comprensión de que isto respondía á sobrecualificación derivada dun sistema produtivo incapaz de absorber unha forza de traballo cada vez máis capaz, atopou unha resistencia feroz por parte do Estado. Cada céntimo detraído da nosa educación reforzaba o arsenal militar que nos agredía nas rúas de Ourense.
Neste escenario, aquel 11 de outubro, os aparatos represivos do Estado non dubidaron en avanzar un paso adiante, conscientes do apoio político dos gobernos do PP na Xunta e no Estado, e imputaron a sete estudantes que hoxe esperan unha sentenza que pode supoñer a condea a cinco anos de cárcere a un deles.
O desmantelamento das conquistas obreiras e populares vese perfectamente acompañado da represión que recibimos cando nos opoñemos, e éste é outro exemplo desta perfecta simbiose. Privatización da sanidade, contrarreforma laboral, desmantelamento do ensino público… teñen o seu complemento no aumento dos presupostos na represión, a Lei mordaza, a reforma do Código Penal…
Fronte a estes ataques, o estudantado consciente, xunto coa clase obreira e as capas populares somos conscientes de que só na mobilización e na loita está a posibilidade de acadar un futuro digno, por moitos paus que nos dean polo camiño.
Por iso hoxe esiximos a absolución dos estudantes imputados en Ourense, como a do resto do conxunto do Estado. Defender a educación pública non é delito!