Hoxe, 25 de agosto estase a celebrar un encontro oficial entre o presidente do goberno español e a chanceler da república de Alemaña; un encontro que os organismos oficiais de seguro ensalzarán e avaliarán como moi positivo; louvando a intelixencia e o esforzo de ambos dirixentes ante a situación de crise que asola Europa.
Porén, para o pobo este encontro non é senón unha escea máis da gran peza dramática que arrastra á traxedia aos traballadores e traballadoras dos pobos de Europa. Unha mostra de como as oligarquías estatais e europeas representadas pola Troica se aliñan para perpetuar e recrudecer os ataques e a explotación sobre a clase traballadora e, de xeito especial, sobre os seus mozos e mozas. As políticas de austeridade, desinvestimento e flexibilidade laboral que baixo as directrices da Unión Europea executa o goberno español están levando á mocidade obreira a unha situación desesperada na que non só se lles nega unha educación de calidade e se lles priva das axudas e estímulos para a súa emancipación e desenvolvemento; senón que ademais se lles condena á máis crúa precariedade no traballo amparada nas recentes reformas laborais, cando non ao paro e á emigración, que son unha realidade cada día máis visible por moito que o goberno se esforce en maquillar os datos ou en chamarlle mobilidade externa ao que é unha contante saída de mozas e mozos traballadores en busca dun futuro que nos seus lugares de orixe lles é negado precisamente, en defensa dos intereses dos grandes capitais, por persoas como esas dúas que se reúnen hoxe en Santiago.
É por iso que a xuventude traballadora mostramos o noso rexeitamento ante este festival do cinismo que está a suceder en Santiago, porque non recoñecemos aos que só atenden ás vontades dos grandes capitais europeo e español, condenando á precariedade, o paro e a emigración á mocidade do pobo facéndonos pagar unha débeda da que só eles son os responsables: Troica e Goberno de España, culpables da miseria e o secuestro do futuro que sofre a xuventude da clase traballadora europea.
Agora é a hora: derrotemos a Troica e a súa débeda!