O PCG considera exemplar a loita das traballadoras e traballadores da empresa en folga desde fai 100 días, cunha defensa incondicional dos seus postos de traballo ante as agresións dunha patronal que traballa na absoluta impunidade polo deixamento de funcións das administracións públicas.
A empresa de Vilagarcía de Arousa, unha das referencias na fabricación de cartón ondulado para embalaxe, non ten nin un so argumento para executar o ERE de extinción. Un ERE que vai parello a un acoso e intento de amedrentamento do persoal que, con dignidade e determinación, mantén un campamento na entrada da factoría para evitar o desmantelamento da mesma.
O PCG denuncia a absoluta indecencia da empresa ao xustificar os despedimentos na planta do Salnés polas necesidades de externalizar por unha suposta necesidade de abaratar custos.
O PCG considera que non existen condicións obxectivas da empresa, en canto a beneficios ou mesmo carteira de clientes e pedidos que xustifiquen os despedimentos. Ademais, é absolutamente infame que unha empresa con máis de 1.600.000 euros de beneficio artelle esta “pantomima” para xustificar a entrada de ETT´s e a precarización das condicións laborais na planta.