A inutilidade das medias aprobadas trala folga do sector leiteiro do pasado setembro obriga ás gandeiras a volver ás rúas. As empresas do sector seguen a paga-lo litro de leite por debaixo do seu custo de produción. Un ataque, o do prezo, levado a dúas bandas, dende a industria transformadora e a distribuidora, presión que responde aos intereses do capital, e que non satisfán as necesidades da cidadanía nin en canto a soberanía nin en calidade e seguridade alimentaria. Nin sequera o pacto imposto pola patronal para pór fin ao conflito está tendo cumprimento, e é que baixo as súas premisas a situación das gandeiras nunca terá fin.
Estase a impoñer un modelo de produción intensiva e cunha propiedade absolutamente concentrada que contrasta coa propiedade familiar das pequenas explotacións que caracteriza o sistema do país, sen outra fin que aumenta-los beneficios da oligarquía alimentaria, depauperando as condicións laborais das traballadoras rurais. As políticas do goberno e da UE, lonxe de resolver a situación, adoptan medidas coa única fin de manter a taxa de beneficios desta oligarquía, pretendendo enfrontamentos entre as propias traballadoras de distintos lugares, sinalando como problema as supostas mellores condicións laborais destas. Así, evitan a unidade das traballadoras contra o seu inimigo real: a patronal e os gobernos neoliberais.
Este desmantelamento do noso agro e os ataques directos á soberanía alimentaria do país e ao sustento das familias do rural obriga outra vez a gandeiras, sindicatos e organizacións agrarias a organizarse e reivindicar unhas solucións verdadeiramente útiles que revertan a situación insostible do sector lácteo. Goberno e industria deben garantir un prezo xusto que permita a continuidade do sector. Esta situación, que podemos ver tamén noutros sectores como o da castaña ou o das produtoras de coellos, pon de manifesto que todas as traballadoras do rural comparten a mesma raíz do problema: o modelo produtivo. Só cando acabemos co sistema de produción capitalista, as produtoras poderán organizar o seu traballo e ter unha vida digna no rural.
Dende a Xuventude Comunista solidarizámonos coas gandeiras e as traballadoras dos demáis sectores produtivos do rural, e denunciamos o atraco que sofren por parte da industria, coa colaboración dos gobernos galego e español e da oligarquía leiteira. O agro galego ten que continuar a se fortalecer para obrigar tanto á industria coma ó goberno a cesa-las agresións e a asumi-las demandas das gandeiras. Só coa unidade de campesiñas e obreiras seremos quen de rachar coas políticas neoliberais que atentan contra a soberanía, o traballo e as condicións de vida das gandeiras e clase obreira en xeral.