Durante as últimas xornadas, os e as gandeiras e labregas francesas están levando a cabo numerosas accións en protesta contra a importación masiva de leite provinte do Estado español, coa fin de concienciar da necesidade de consumir a producida na propia Francia. Entre estas accións, os sindicatos do sector lácteo vixían a chegada de camións que importan o leite, así como outros produtos de alimentación, dende o estranxeiro, para tiralos.
Este conflito reprodúcese en Galiza coa importación de leite de orixe francesa que pón en risco ás produtoras galegas. Nas últimas semanas, tamén estas manteñen unha serie de accións para reivindicar, en primeiro lugar, que se recolla o leite ós e ás gandeiras, cumprindo cos contratos do sector lácteo e esixindo unha maior capacidade de negociaciación no relativo ao aseguramento dun prezo mínimo de compra por riba dos custos de produción. Debido a isto, e trala mobilización do 17 de xullo convocada polo SLG, ASAJA e UUAA, nas comarcas afectadas pola problemática estanse a reproducir as accións e camíñase cara a constitución da Plataforma Galega en Defensa do Sector Lácteo.
Tanto no caso francés coma no do Estado español, os e as produtoras non deixan de reivindicar senón unhas condicións de traballo dignas e o aseguramento da supervivencia dun sector de produción tan básico coma o lácteo. É fundamental que no medio rural se garantan os dereitos dos e das traballadoras e sexa viable para a mocidade acceder ao traballo gandeiro e agrícola, sen o cal non poderá darse continuidade a este sector.
Por todo isto, a Xuventude Comunista manifesta o seu apoio ás mobilizacións dos e das gandeiras galegas en loita e dos e das produtoras francesas, animando sempre a que a perda do leite galego en Francia sexa tamén unha realidade no noso Estado respecto á produción francesa para garantir os resultados polos que loitan todos e todas as traballadoras do sector lácteo, con independencia da súa pertenza ao Estado francés ou español.