Durante as últimas semanas tiveron lugar unhas longas xornadas de mobilización no sector lácteo en Galiza. A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo convocou manifestacións en numerosas comarcas, sendo de especial importancia as que se produciron en Lugo e Compostela. Na primeira, o xoves 3 de setembro, un grande número de gandeiras, así como os sindicatos labregos, tomaron a cidade para esixir un prezo digno e a recollida inmediata do leite, que a industria, incumprindo os contratos, decidiu non recoller.
Ademáis, pedíase o establecemento de medidas que asegurasen un verdadeiro poder de negociación das gandeiras fronte á industria. Cun prezo do leite moi inferior aos custes da súa produción, nalgúns casos ata por debaixo dos 18 céntimos por litro, a única resposta que lles restaba ás gandeiras era saír á rúa unidas para defender os seus dereitos.
Ese mesmo día, as persoas mobilizadas en Lugo manifestaban a súa intención de seguir na cidade ata que a Conselleira comparecese, e mesmo despois dunha visita desta que só alentaba á desmobilización, decidiuse continuar coa loita. A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, nomeadamente os sindicatos do sector, convocaron tamén en Compostela unhas xornadas para presionar nas rúas e na mesma Xunta a un acordo coas gandeiras.
Esta mantívose, nun primeiro momento, entre os días 7 e 10 de setembro, coincidindo coa xuntanza de ministros de agricultura da UE que se celebrou en Bruselas, aínda que posteriormente se mantivo a presenza nas rúas compostelás máis aló. E é que a solución que chegaba dende a UE e os gobernos central e galego era a de acordar un paquete de subvencións que, tal e como sucede coas políticas da PAC, se reparten en función do número de cabezas de gando en propiedade.
Isto só beneficiaba ás grandes propiedades, namentres as nosas gandeiras seguirían soportando uns prezos e unhas condicións de traballo inasumibles. Esa «esmola» que ofrecían os gobernos non puña fin ao fondo do problema, era un parche que pretendía deslexitimar as protestas. As gandeiras non asumiron este engano, e nas asembleas tomaron a decisión de aumentar a presión, bloquear as industrias en toda Galiza e proceder á folga de entregas.
Ese proceso mantívose ata finais da semana pasada, cando goberno e industria elaboraron un novo acordo o pasado día 10, que o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente remitiu ás organizacións e sindicatos gandeiros e que se asinou este mércores 23 en Madrid. A pesares de que algunhas organizacións aceptaron este novo acordo, outras observaron que o texto non garante uns principios esenciais para asegurar o mantemento do sector. Por isto, enviaron alegacións que incluían o establecemento dun prezo sostible.
Estas reivindicacións foron desatendidas e non se inclúen no texto remitido polo Ministerio, o que suxire que asinar non pon fin ao conflito, asegurando un prezo digno ás productoras. Estamos, pois, ante unhas xornadas decisivas nas que se decidirá o futuro do sector lácteo e que poden ter continuidade no tempo.