Unha vez máis, as faccións fascistas das afeccións futbolísticas cóbranse outro asasinado. Jimmy uniuse á lista de episodios negros do fútbol español, que xunto a Íñigo Cabacas e Aitor Zabaleta convertéronse nos casos máis mediáticos da violencia no deporte. Os afeccionados vascos foron homenaxeados polos seus respectivos clubs, e agora, cando chega o momento de lembrar ao deportivista coma unha vítima, prohíbese facelo dentro do estadio, poñendo miles de trabas para que seus compañeiros poidan recordalo na rúa.
Esta prohibición ven precedida dun clima mediático de aversión á figura de Jimmy e do seu grupo, os Riazor Blues, realizado por sectores reaccionarios da sociedade. Encabezados polos grandes medios de comunicación optan por sementar a dúbida entre a poboación, equiparando asasinos con asasinados.
A televisión pública, manipulada e destruída polo goberno, fixo contra todo prognóstico, un exercicio de veracidade informativa declarando que “foi asasinado”, despois de moita tinta de medios de comunicación utilizando todo tipo de argumentos, para restarlle honra a unha persoa vilmente asasinada no empeño de encubrir aos seus asasinos pola súa afinidade ideolóxica cos donos dos medios.
A tónica xeral da prensa baseouse en elaborar un relato distante á investigación policial, sen condenar explicitamente aos asasinos do Fronte Atlético, coñecidos por ser un grupo de extrema dereita. Se a policía non atopou probas que relacionaran a pelexa cunha quedada previa, dende os medios non se desmentiu ata meses despois. A estratexia comunicativa presente nos principais diarios do estado foi evidente: a equidistancia por bandeira intentando mostrar aos Riazor Blues como culpables do acontecemento, con frases como “Efectuáronse 15 detencións e identificáronse a 90 seguidores dos Riazor Blues”, “De súpeto empezaron a pegarse palizas brutais. Foi horroroso.”, “Os Riazor Blues vístense de vítimas”.
A infamia chega cando sae á luz un artigo sobre os antecedentes do asasinado nun intento de criminalizar unha vez máis aos compoñentes de calquera persoa pertencente a un grupo de esquerdas. Atácannos porque loitamos contra eles, usando aos seguidores de Hitler coma un brazo represor que aparentan alleo ao poder. Porque non pretendan corrixir este sistema podre que trata de despoxarnos da dignidade sementando o odio, senón perpetualo.
Pero conforme pasan os días, a verdade se fai evidente e algún medio do réxime ten que dar o seu brazo a torcer para non desentoar coa neutralidade que lle presupón a sociedade. Isto realízao o informativo de TVE o día cinco de febreiro deste ano, quen sabe se algo tivo que ver o xornalista galego encargado de realizar a información. De todas formas, o que é claro é que foi a primeira vez que se cualificaron aos feitos polo seu nome: “asasinato”. Catro días máis tarde, “El País” califica aos membros do Fronte Atlético como “agresores” de Jimmy.
As mentiras teñen as patas curtas, pero cando a falsedade está amparada pola maquinaria capitalista de desinformación, calquera suceso pode ser manipulado ata o extremo, apoiándose no sentido común inducido, para situar nun nivel semellante a asasino e asasinado no pensamento colectivo.