Os datos que o Instituto Galego de Estatística nos ofrece non son esperanzadores: a lingua do pobo galego está sufrindo un continuo retroceso, vítima dunha política lingüística que só persegue a súa ritualización nos contextos oficiais mentres que non só esquece senón que promove a súa progresiva desaparición dos usos privados desinvestindo na súa normalización e reducindo a súa presenza nos centros escolares.
As capas traballadoras galegas foron practicamente as únicas que durante anos defenderon e conservaron a nosa lingua viva, o galego é patrimonio das clases populares de Galiza e o seu retroceso non só constitúe outro paso máis no camiño cara á perda da diversidade lingüística do mundo, senón tamén un gran prexuízo para a clase obreira de Galiza, unha clase obreira á que se lle adoutrinou co dogma de que para triunfar, para ser alguén, para poder chegar a ser como as elites dominantes debían de renegar da súa historia, do seu orgullo e da súa lingua.
É tarefa das e dos comunistas de Galiza e do pobo galego no seu conxunto defender o que é noso; defender o tesouro cultural que nos une como pobo, o código co que descubrimos e interactuamos co mundo, a lingua coa que vivimos.
Non nos resignamos ás estatísticas, non nos resignamos á acción liquidadora velada do goberno do PP contra o idioma, non nos resignamos a renunciar ao que é noso. É por iso que saímos a berrar na rúa, pero a berrar, como a vivir, en galego.
Loitamos polo galego. Loitamos en galego.
Manifestación convocada pola Plataforma Queremos Galego para o domingo 8 de febreiro, ás 12h, no Parque da Alameda en Compostela.