O PCG e a XC consideramos imprescindible parar xa de xeito lexislativo a sucesión de subcontratas que se artellan no sector da telefonía que permite a Telefónica precarizar custes laborais e lembra que hai máis de 600 empresas subcontratistas de Telefónica, moitas con condicións laborais de semiescravitude
Lembramos que desde a privatización de Telefónica promovida polo goberno do PSOE en 1994, a empresa perdeu máis de 50.000 postos de traballo, sendo substituídos moitos deles por empregos en empresas subcontratistas creadas exclusivamente para parasitar traballos de instalación e mantemento que perfectamente podería ter asumido a antiga empresa pública.
O PCG e a XC denunciamos que mentres entre 1994 e a actualidade polos consellos de administración pasaron personaxes como Iñaki Urdangarin, Rodrigo Rato, Eduardo Zaplana, Martín Villa, que cobraron importantes salarios as condicións de traballo en Telefónica fóronse degradando e trasladando a precariedade as empresas subcontratistas que hoxe manteñen unha exemplar folga contra o enésimo proceso de precarización, como o chamado “contrato bucle”, renovación anual dos contratos de Telefónica coas empresas subcontratistas que cada vez que se formalizar é con condicións económicas á baixa que rapidamente son trasladadas ás condicións laborais das traballadoras/es. O de 2012 xa supoñía unha baixa dun 30% nun sector onde moitos traballadores apenas alcanzan os 600 euros ao mes.
Denunciamos ademais que Telefónica superou en 2013 os 4.500 millóns de euros en beneficios e o salario do seu presidente (de 6,7 millóns de euros) foi incrementando un 16% en 2014. Unha situación indecente que non fai máis que xustificar a razón dos traballadores e traballadoras en folga ao reclamar a equiparación salarial cos empregados directos de Telefónica, unha xornada de 8 horas e que todos os autónomos que o desexen poidan incorporarse ao cadro de persoal.
O Partido Comunista de Galicia e a Xuventude Comunista demandamos un novo convenio laboral en Telefónica que inclúa a todos os autónomos, subcontratas e contratas que traballen para a matriz para evitar esa calculada estratexia da matriz para dividir aos traballadoras e traballadoras.