O pasado 24 de Marzo nos estaleiros de Ferrol tivemos que asistir a outra mostra do gran deterioro das condicións laborais nas compañías auxiliares, pois un operario faleceu nas tarefas de reparación do buque “Monforte de Lemos”. Sucedeu na quenda de noite. O traballador estaba situado debaixo do guindastre que transportaba unha tapa dun enfriador que tiña preto duns mil quilos de peso, cando esta peza se desprendeu alcanzándoo de cheo e causándolle a morte instantánea.
Os traballadores tiñan programada unha mobilización o dia 26 de Marzo diante da Xunta e do Concello de Ferrol para esixir carga de traballo e mellores condicións laborais. Esta foi suspendida por mor do sinistro.
Isto e un claro sinal de que con excesos de xornada e diminución de salarios, incumprimentos de convenios e solapamento da negociación colectiva inciden directamente nos accidentes laborais, asi como no extremo deterioro das condicións laborais no estaleiro da ria de Ferrol, xa que na sua historia recente a siniestralidade disparouse, 9 falecidos nos 6 últimos anos Mentres, a patronal mira para outro lado.
A vulneración e o incumprimento dos nosos dereitos e o pouco interese que parece ter o goberno en facer cumprir a lexislación laboral acadada con moitos anos de loita obreira e sindical é unha mostra mais de como a patronal e o goberno se alían contra os intereses da clase obreira e non teñen outro obxectivo que manter as súas ganancias, xogando coas vidas da clase obreira se é preciso.
Dende a Xuventude Comunista solidarizámonos con calquera obreira que ao longo do desenvolvemento da súa actividade profesional sufrira un accidente laboral e somos conscientes da necesidade da unión das obreiras e da importancia da loita sindical para pór freo a estes ataques contra os nosos dereitos. Só así conseguiremos forzar a goberno e patronal a cumprir cos dereitos laborais que nos levou décadas acadar.
Os estaleiros de Ferrol e Fene non poden esperar, o tempo corre na sua contra. Por un futuro do naval e unhas condicións laborais dignas.
O NAVAL É NOSO!