Nestes últimos días vimos de coñecer un novo caso de abusos contra a clase traballadora por parte da patronal. Desta vez é a empresa boirense Foelca, adicada á instalación e reparacións de fontanería, electricidade e calefacción, a responsable.
As traballadoras e traballadores levan dez meses sen cobrar, sometidas a constantes presións por parte do empresario e obrigadas a facer longas xornadas laborais, ademais doutras inxustizas que soportan a diario. Este empresario recibiu nos últimos anos decenas de millóns de euros en subvencións da Administración Pública para proxetos que se xustifican con horas de traballo, mais isto non repercute no pago dos salarios dos traballadores e traballadoras.
Ademais, conseguiu retrasar o primeiro dos xuízos de reclamación dos xornais presentando o día anterior unha declaración en concurso, celebrándose finalmente noutra data e culminando cunha sentencia que recoñece a débeda que ten coas e cós traballadores. Sen embargo, no novo xuízo que tivo lugar a mañá do 18 de marzo, no que se debía obter unha sentencia instando ó pago, o empresario logrou anular o proceso promovendo un ERE.
Unha vez máis somos testemuñas de como a patronal impón os seus intereses sobre os da clase obreira e conscientes da necesidade de organización e mobilización para mellorar as condicións laborais e de vida nos centros de traballo. O capital privado non nos traerá nunca o benestar social á clase obreira; só o beneficio persoal aos capitalistas.
Dende a Xuventude Comunista mostramos o noso apoio e solidariedade coas obreiras e obreiros de Foelca e facemos nosas a súa loita e as súas reivindicacións, esixindo o pago dos salarios que se lle adebedan e a responsabilidade derivada dos abusos exercidos por parte do empresario.