Defender o noso idioma é defender o dereito da clase obreira a decidir cómo e onde queremos vivir.
Un futuro en galego para un futuro na Galiza!
O galego é unha lingua falada por menos de 3 millóns de persoas. É unha lingua coa que case non podemos traballar en outros países de Europa. Coa que imos a poucos sitios. Non coma o alemán. Ou o mandarín, que nos permite conversar con mil millóns de chineses.
Pero nós, igualmente, preferimos a nosa lingua. Porque non falamos acotío cun chinés ou cun alemán, e si que o facemos cun galego ou cunha galega. O galego pode non sernos tan útil fóra, pero nos é útil na nosa terra e no noso posto de traballo na Galiza. Énos útil en todos os momentos do noso día a día: dende que collemos o bus, ata cando tomamos o café, compramos o pan, ou cargamos gasoil. Cando imos á escola e falamos cós e cás compañeiras. Qué valor ten unha lingua se non é a de ser ferramenta no día a día?
O galego énos útil tamén para reivindicar o noso dereito a ter un futuro no lugar onde nacimos. Aqueles que nos din que o galego non nos vale no estranxeiro, os que non nolo deixan usar nas administracións ou no posto de traballo, nolo quitan dos currículos escolares e nolo intentan facer esquecer, borrando tamén a nosa cultura popular. Estes son os mesmos que nos queren mandar a traballar lonxe da nosa terra facéndonos pezas móbiles no mercado que eles, os capitalistas, controlan. Pero a mocidade galega queremos elixir se quedar ou non na Galiza, e ter opción a desenvolvernos na nosa terra.
E por iso precisamos a nosa lingua, e non nos vale outra. Porque é a lingua da nosa clase, coa que nos defendemos das imposicións do capital. Defender o noso idioma é defender o dereito da clase obreira a decidir cómo e onde queremos vivir.
E defender, ante todo, o dereito a vivir na nosa terra.