A Xuventude Comunista solidarízase e fai súa a loita e as reivindicacións dos e das traballadoras de Urbaser de Lugo, empresa do Grupo ACS, concesionaria do servizo de limpeza municipal da cidade, que se encontran en folga indefinida dende o pasado martes 10 de xuño.
A constante manipulación da prensa local, baixo o control da burguesía lucense, tenta desprestixiar dita loita, que ten a súa orixe na negociación do convenio colectivo para o periodo 2014-2015 onde a empresa tenta tirar abaixo, entre outras cousas, acordos co comité, modificando os salarios á baixa, regresando ás cifras do ano 2011 e rebaixando tamén varios pluses de dito convenio.
Non é entendible esta baixada das condicións da plantilla que traballa nunha empresa que non ten, nin moito menos, perdas, e que cada ano aumenta a cuantía da súa concesión, guiada polo IPC. Como se está a ver, estamos ante outra agresión á clase obreira e ós seus dereitos dada por un capital que ten nunha das súas armas principais o desprestixio da loita nos principais medios.
Unha vez máis, dende a Xuventude Comunista mostramos o noso apoio ós e ás traballadoras de Urbaser, e facemos tamén nosa a súa xusta loita.
Viva a loita da clase obreira!