Hoxe, venres 18 de xaneiro, o persoal da CRTVG, volta protestar pola situación que están a vivir os medios públicos do noso país. Así, vai máis de medio ano de mobilizacións contra o demantelamento paulatino da CRTVG. Ataque que vén producíndose en diferentes eidos pero que ten a súa base na manipulación da información, así como na represión contra as traballadoras e traballadores que amosan a súa oposición a estas prácticas.
Como mozas e mozos comunistas, entendemos que o conflito que está a librarse na CRTVG é un punto máis do proceso integral que o goberno de Feijoo está a desenvolver contra o pobo galego. Do mesmo xeito que a Xunta de Galicia empobrece a nosa sanidade e destrúe o tecido industrial, ataca frontalmente a un ben público como é a CRTVG. Faino así sabendo que cumpre unha dobre función. Por unha banda, depauperiza un servizo público como estratexia para abrir novos mercados á iniciativa privada. Por outro, utiliza un medio de comunicación para dar cobertura ideolóxica ás medidas antipopulares que caracterizan o seu goberno. A mesma Xunta de Galicia que persegue as voces disonantes na CRTVG otorga, ano tras ano millóns de euros a La Voz de Galicia para que cumpla coa súa función de manipular a información.
Con todo, dende a Xuventude Comunista saudamos a dignidade con que as traballadoras e traballadores están combatindo a situación, así como o enorme apoio que están a acadar entre amplos sectores da sociedade civil. Por iso entendemos que é tempo de seguir adiante, fortalecendo as mobilizacións populares contra as expresións dun Réxime do 78 que apodrece e vende o noso futuro.
Viva a loita das traballadoras e traballadores da CRTVG!